jueves, 20 de junio de 2013

IRENE NÉMIROVSKY : EL CASO KURÍLOV

Irene  Némirovsky
Se algo destaca na mestría literaria de Irene  Némirovsky é, sen dúbida, a asombrosa capacidade para desentrañar os matices máis profundos da complexidade do ser humano, a través dunha prosa en extremo sinxela, desprovista de todo adorno superfluo e mesmo diría que descarnada.
Os seus personaxes foxen da cómoda simplicidade maniqueísta, rebélanse contra a doada clasificación e amosan sen pudor as perversidades e nobrezas, luces e miserias, as contradicións de calquera ser humano.
León M., revolucionario bolxevique, recibe o encargo, por parte da cúpula do partido, de asasinar a Kurílov, ministro de Instrución Pública do tsar Nicolás II, famoso polo seu temperamento cruel e sanguinario. León M. consegue infiltrarse na casa do ministro a través dunha identidade falsa para atendelo na grave enfermidade que padece.
O proceso de humanización de Kurílov á vista de León M. é simultáneo ao deste aos ollos do lector, que vai percibindo como na mente do potencial terrorista do comezo van xurdindo as dúbidas na medida que coñece á súa  " vítima " na intimidade familiar do seu fogar. Ao mesmo tempo, medra unha corrente de simpatía, comprensión e, mesmo, afecto entre os dous homes.
Son múltiples as ocasións nas que o personaxe de León M. expresa os seus sentimentos encontrados cara a Kurílov :

"[...] engadiu o cachalote [...] que me irritaba e me conmovería por igual. ( páx. 120 ).

"[...] a Kurílov comprendino, desprecieino e compadecino" ( páx.153 )

"[...] interesante e irritante " ( páx. 149 ).

Malia o odio inicial, que queda patente na sensación que lle produce a primeira vez que o ve, León M. é quen de ir expresando aspectos da súa personalidade, como o sentimento de amor cara á súa muller e o seu fillo; parécelle sincero cando afirma que ten unha  " misión que cumprir " . Recoñécelle certas virtudes: "[...] eu coñecía a súa innata e serea valentía " ( páx. 139 ); e mesmo admite estar en débeda con él : "[...] creo que se máis tarde souben dar algúns bos consellos aos donos da situación e axudalos a gobernar o seu barco [...] débollo en boa medida a Kurílov. O meu vello amigo  aprendeume moitos máis e dun xeito moi distinto do que imaxinaba ". ( páx. 136 ).

Non obstante, os sentimentos nunca son lineales e as dúbidas e o odio fluctúan e emerxen en determinados momentos: "[...] de súpeto, experimentei odio auténtico. [...] Nese intre espetaríalle un tiro de revólver en pleno rostro con total satisfacción ". ( páx. 130 ).
Hai que engadir que esa complexidade na caracterización de personaxes non é exclusiva dos protagonistas. Aos secundarios dedícalles a autora a mesma atención, conseguindo personaxes con " carne " e non meros acompañantes ou contrapunto dos protagonistas. Eles tamén teñen as súas propias contradicións, non son " dunha peza ". Fanny, a compañeira de León M., plenamente convencida, en apariencia, da súa misión terrorista, dura e inflexible á  hora de matar, chora amargamente logo do atentado. Marguerite, a esposa de Kurílov, é capaz dun sentimento profundo de amor cara o seu marido- algo que conmove a León M.( páx. 104 )- que trascende a frivolidade e o materialismo como trazos, en apariencia, máis marcados na súa personalidade..

A xeito de conclusión, lembremos que moitas son as obras da literatura e o cine que nos recordan que, como sucede na vida, non existe ninguén ( nin case nada ) absolutamente bo nin radicalmente reprobable. Que cómpre deterse, alomenos un intre, antes de condear ou enxalzar de maneira definitiva e radical. Neste momento vénme á cabeza unha película que, aínda que situada noutra circunstancia histórica, suxire a mesma idea que a novela de Némirovsky, tamén de forma maxistral;  trátase dun film alemán titulado
" A vida dos outros ". Permítome recomendalo aquí pola súa, na miña opinión,  calidade cinematográfica e como complemento á novela coa que acabamos de gozar.


               
Mª Carmen Hernández Castejón.  Profesora de Língua Española e Literatura.  IES  Nº 1

No hay comentarios:

Publicar un comentario