miércoles, 3 de junio de 2015

CLUB DE LECTURA : LENDO " LA TRIBUNA " DE EMILIA PARDO BAZÁN

Moitos son os trazos que confirman " La Tribuna " como-segundo moitos autores- a primeira novela naturalista da literatura española :
Cigarreiras. Pintura de Walter Gay
-  As  descricións detalladas ( produto dunha observación directa ) do ambiente e actividade das cigarreiras, así como das propias mozas, en especial de Amparo, a protagonista. Plenamente naturalista é a descrición do seu arrabaldo, sen omitir os detalles máis desagradables á hora de reflectir a súa extrema pobreza.
-  Abundante presenza de personaxes deformes ou con defectos psíquicos ou físicos: elefantiase, herpetismo.. Os hirmáns da gardiá: un é crofusoso, outro xordomudo. Salientamos en especial o carácter naturalista de personaxes como a vella Porcona e o retrasado Chinto, continuamente degradado a través de frecuentes  animalizacións: " Se Chinto non fose un animal", " ..mulo..",  " .. coma o trotar dunha acosada alimaña montés.. ".
-  As teorías darwinianas son acollidas plenamente polo Naturalismo, xa que ambos coinciden na súa visión do mundo. No capítulo XXX, Pardo Bazán cita expresamente a Darwin para mostrar o seu acordo coa lei de adaptación ao medio como medida de supervivencia.
O narrador omnisciente é outra característica propia dos movementos realista e naturalista. Nesta novela queda patente en numerosas ocasións; por exemplo, cando describe o que senten ao contemplarse Amparo e Baltasar.
-  O contexto histórico non é un simple telón de fondo, senón que forma parte do tecido da narración.
Os pronunciamentos, a revolución do 68 chamada " A gloriosa " que acaba co reinado de Isabel II e que van creando o caldo de cultivo propicio para a posterior chegada da República cuxos prolegómenos quedan fielmente retratados na novela. A Unión do Norte e a visita dos delegados de Cantabria, en cuxa asemblea participa activamente Amparo cun dos seus acendidos e apaixoados alegatos que enardecen o auditorio.
caricatura da época do reinado de Isabel II
Os sucesos de Valencia, reflectidos na obra de teatro representada.. A historia individual de cada personaxe forma parte deses acontecementos e viceversa, son todo a mesma cousa; vémolo no caso da protagonista e tamén no de Baltasar, que para distanciarse do seu " compromiso " con Amparo, acode a Navarra para participar na guerra carlista que daquela ten lugar. Á fin, como broche simbólico que xunta a vida persoal coa Historia con maiúsculas, o neno de Amparo nace o mesmo día en que é proclamada a República.
-  Os autores do Realismo e do Naturalismo defenden o papel da literatura como medio para mellorar a realidade a través da crítica social e política. Nesta novela, Pardo Bazán denuncia a precaria situación dos obreiros describindo a dureza e penurias do traballo na fábrica de tabacos: " A explotación do home polo home tomaba carácter despiadado e feroz, segundo adoita acontecer, cando se exerce de pobre a pobre ".
Tamén deixa caer algunha crítica cara á prensa pero, sobre todo, cara os abusos do poder dun goberno que priva aos seus cidadáns  do seu dereito máis irrenunciable, a liberdade: " .. poder misterioso, o Estado, co cal sen dúbida era ocioso loitar, un poder que esixía obediencia cega, que a todas partes chegaba e dominaba a todos ", di nunha das súas páxinas.
No prólogo, a propia autora nos fala de " unha finalidade didáctica " ou posible ensinanza da novela, aínda que non sexa iso, precisa, o que ela persegue: " os pobos non deben deixar a súa salvación nun réxime político que non coñecen e idealizan "
Fábrica de tabacos. A Coruña
Pero  " La Tribuna " é tamén un alegato de corte feminista, reperesentado na  personaxe de Amparo coa súa actitude totalmente libre, impensable nunha muller da súa época: liberdade tanto de acción como de expresión neses alegatos acesos onde amosa claramente o seu carácter indómito, rebelde e apaixoado consonte o que semella xa un tópico nos personaxes das cigarreiras ( lembremos a  " Carmen " de Merimée, convertida máis tarde en libreto operístico por Bizet ).
-  O autor realista, e Pardo Bazán  non é tampouco nisto unha excepción, amosa tamén na linguaxe ese afán de reflectir a realidade tal como é. Cada personaxe " fala " como lle corresponde de acordo coa súa procedencia, cultura, idade, extracción social.. Baltasar e a súa familia utilizan unha linguaxe culta e coidada fronte aos vulgarismos de Chinto ou as cigarreiras, que tamén introducen algunha expresión en galego, interferencias frecuentes nas zonas bilingües. Cómpre salientar así mesmo a notable riqueza de léxico pertencente aos campos semánticos con máis presenza na novela como o das cigarreiras, os barcos ou o mar.

  -  Malia que os autores realistas adoitan describir o seu entorno máis achegado, o que mellor coñecen, con frecuencia utilizan un topónimo ficticio para nomealo. É o caso de Clarín coa súa Vetusta na que facilmente recoñecemos a cidade de Oviedo. Tamén Pardo Bazán, nesta e noutras novelas, oculta A Coruña baixo o nome de Marineda. Nalgún parágrafo de " La Tribuna " cítase a Vilamorta; como sabemos, trátase do Carballiño,vila  á que dedica outra novela, "  El Cisne de Vilamorta ", novela que tal vez nun futuro poderá ser obxecto de lectura e comentario neste club.




Carmen Hernández Castejón . Profesora de Língua e Literatura Castelá. Coordinadora do Club de Lectura. IES Nº 1





                        


No hay comentarios:

Publicar un comentario