En palabras de Pilar López Ávila : " .. nas bibliotecas descubrimos, aprendemos, informámonos, sentimos. Vivimos outras vidas. Maxinamos que somos tartarugas xigantes que gardamos baixo a nosa cuncha as historias que nos contaron, os libros que limos e os libros que soñamos ler algún día. Somos auténticas bibliotecas ambulantes ".
Dende 1997 a Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil promove esta celebración do 24 de outubro como " Día Internacional da Biblioteca ", en lembranza do incendio da Biblioteca de Saraievo durante o conflito dos Balcáns en 1992.
Tralo ataque, o médico e historiador croata Mirko G. Grmek acuñou o termo " memoricidio " para definir a destrucción da memoria e o tesouro cultural do " outro " , do adversario, do inimigo.
Bibliotecas públicas, privadas, universitarias, escolares, etc.. acollen grandes tesouros, e destruílas ou non protexelas, que ven a ser o mesmo, é un " memoricidio "
![]() |
| Libros Marabillosos |
Un dos mellores xeitos de protexelas é dálas a coñecer, abrir as súas portas, amosar seus recunchos máis escondidos, extraer seus documentos dos fríos andeis e poñelos nas mans dos lector@s.
Aquí tendes unha pequena mostra dalgúns dos tesouros que temos na Biblioteca: Libros Marabillosos e pouco convencionais que nos falan do Titanic, as Aventuras de Ulises, Os Dinosaurios, Romeo e Xulieta, os Dragóns ou nos contan unha Öpera..
Son, en definitiva, portadores de historias, soños e esperanzas.
![]() |
Nesta exposición tamén exhíbese unha edición facsímile do Pergamiño Vindel , cedido pola profesora de Língua e Literatura Galega Chelo González Álvarez.
O pergamiño Vindel é un texto copiado a finais do século XIII ou comezos do XIV que contén as sete cantigas de amigo de Martín Codax con notación musical incluída de seis.
A descuberta deste pergamiño debeuse ao azar. Ocorreu cando o comerciante de libros antigos Pedro Vindel o encontrou na súa biblioteca en 1914 servindo de forro a un exemplar do De officiis de Cicerón, do século XIV con encadernación do século XVIII.
O pergamiño desapareceu pouco tempo despois de se descubrir, créndose perdido durante moitos anos. Logo, foi adquirido polo diplomático e musicólogo Rafael Mitjana , que o depositou na súa biblioteca de Uppsala, cidade sueca onde residía por aquel entón. Tras a súa morte , en 1921, a biblioteca foi vendida polos seus herdeiros e, despois de varias vicisitudes, o pergamiño foi adquirido pola Pierpoint Morgan Library de Nova York, onde se conserva dende 1977.
Entre os meses de outubro do ano 2017 e marzo do ano 2018, o pergamiño Vindel exponse no Museo do Mar de Galicia, na cidade de Vigo .


