Un ano máis, e de novo estamos conmemorando O Día Internacional da Muller. Nesta ocasión decidimos reflexionar sobre a " Historia das mulleres", esa intrahistoria que non ven nos libros de texto, porque as mulleres tamén son as grandes esquecidas da historia. O traballo deste ano está estructurado en dous bloques : por unha banda: unha escolma de mulleres que a pesares dos atrancos foron capaces de reivindicarse e conseguir que o seu traballo lle fora recoñecido en vida, ás que lle chamamos " As mulleres sabias " .
Aproveitando que este ano o lema das Bibliotecas Escolares é " Aprender a pensar coa Biblioteca Escolar ", ollamos cara unha serie de pensadoras e filósofas que teñen escrito e reivindicado o papel da muller ó longo da historia . Dende a primeira gran poetisa da Historia , Safo de Lesbos, que viviu no século VI a.C., pasando pola naturalista, filósofa, musicóloga Hidegard von Bingen do século XII, para rematar no s. XX con Simone de Beauvoir, a gran filósofa francesa precursora do feminismo contemporáneo.
En contraposición, temos outro apartado que definimos como: " Do esquecemento á memoria ", onde tentamos de poñer en valor a algunhas mulleres que no seu momento fixeron traballos moi importantes, aínda que non se lle recoñeceron: son os casos das científicas Rosalind Franklin e Lise Meitner, que investigaron respectivamente sobre a cadea do ADN ou a fisión nuclear ainda que os Premios Nobel de Medeciña e Física só se lle outorgaron a seus compañeiros de investigación homes. Houbo tamén curiosos casos de suplantación como o da autora María Lejárraga , que escribiu prácticamente todas as obras de teatro que logo asinou seu home: Gregorio Martinez Sierra; o mesmo lle ocorreu a Margaret Keane- pintora estadounidense- aínda que era ela a que pintaba todos os cadros, era seu home quen os asinaba , levando durante máis de dez anos todo o recoñecemento.
Estes dous casos, ou o de Zenobia Camprubí - muller de Juan Ramón Jiménez- amosan tamén unha certa autoanulación ou renuncia por parte das mulleres. De todo isto falamos no acto que tivo lugar o 8 de marzo no Salón de Plenos do Concello do Carballiño, onde a alumna Abril Ciocciola Noto de 1º de Bacharelato leu un pequeno manifesto que reproducimos en parte.
"Do esquecemento á memoria".
Alguén dixo algunha vez, referíndose á violencia de xénero que non só doen os golpes. Ao longo da historia, moitas mulleres foron anuladas, silenciadas e sen recoñecemento do seu traballo: iso tamén é un xeito de maltrato.. e non pequeno!. Hoxe queremos traer aquí, á memoria colectiva, as situacións tan inxustas que seguen a sufrir moitas mulleres no mundo. Según datos de UNICEF máis de 130 millón de seres humanos- mulleres- seguen sen escolarizarse, sen poder ler libros, nin conducir, nin acceder a Internet ou votar.. por non falar dos centos de miles de nenas que sofren mutilacións xenitais ou son convertidas en escravas sexuais . Como o mundo é cada vez máis pequeno, non pensedes que están moi lonxe de nós. Lembrar cada 8 de marzo ás mulleres está moi ben, pero estaría mellor que ao longo do ano todas e todos fixeramos algo máis pola auténtica integración e igualdade das mulleres: dende o seo da propia familia, pasando polas institucións públicas e tamén nos centros educativos . Debe ser unha tarefa colectiva , xa que as mulleres representan a metade da poboación mundial. Se conseguimos que a maioría delas teñan unhas condicións de vida digna, con toda probabilidade os seres humanos en xeral seríamos un pouco máis felices.



