
Dúas interesantes propostas para introducírmonos nas luces e, sobre todo, nas sombras da Inglaterra decimonónica, en plena Revolución Industrial. Unha delas de índole literaria, a outra cinematográfica aínda que baseada nunha novela da época
No primeiro caso, trátase da recopilación de artigos "Paseo por Londres" de Flora Tristán. A pesares do seu título, máis que un "paseo", o que nos brinda a autora é unha análise en profundidade, dura e sincera de diferentes ámbitos da realidade política e social do Londres victoriano. Flora non "pasea" senón que se mete de cheo na realidade das fábricas, o Parlamento, os cárceres, as carreiras de Ascot, os clubes...Un mosaico completo, en definitiva, dun lugar e un momento de enorme ebulición histórica, económica e social.
Especialmente recomendables os capítulos adicados a "Los obreros de las fábricas"(px.93), "Los cartistas"(px.65), "Las mujeres inglesas"(px.275), "Indolencia de la vejez.Trabajo impuesto a la infancia"(px.309). Mención aparte merece -¡ non volo perdades !- o esbozo bibliográfico da autora (px.9) realizado polo recente Premio Nobel, Mario Vargas Llosa. Nel descúbrenos a triste e intensa, aínda que breve, vida dunha muller valente, autodidacta, rachadora, adiantada ao seu tempo, pioneira do feminismo (nunha época na que a muller non se tiña en conta para nada), comprometida e rebelde contra os abusos ás clases máis desfavorecidas.
No segundo caso, propomos a película "Oliver Twist" baseada na novela do mesmo título de Charles Dickens. A obra sitúase na mesma época e lugar que os artigos de Flora Tristán, a visión que se nos amosa desa mesma realidade non é moito máis optimista.
O autor inglés reflicte a miseria urbana, o mundo da hampa, a delincuencia infantil, o triste papel das mulleres da época, a explotación laboral dos nenos...Todo isto a traverso dos avatares que vai sufrindo o seu pequeno protagonista, Oliver, un orfo londinense que se ve inmerso nun mundo de adultos crueis, delincuencia e miseria.
Interesantes e recomendabeis ámbalas dúas propostas. Animámosvos a abordalas e, despois a compartir as vosas dúbidas, opinións e sensacións con nós. Cambiaremos impresións, ampliaremos as nosas visións dos temas e, así, as disfrutaremos dobremente.
Carmen H. e Nieves A.
