
O mes de febreiro, é o mes do Antroido ( case sempre ) e o mes de S.Valentín ( sempre ). Aproveitando que quedan moi poucos días para o mesmo, hoxe traemos aquí un lugar emblemático do Carballiño :
A Pena dos Namorados. Este conxunto de penedos superpostos, ó carón do río Arenteiro, sempre inspirou lendas, como a que recolleu
Miguel Paans Mosquera, na súa obra
: " Lendas de Ourense ", Miguel Paans recolle os amores imposibles de
Marta, de familia cristiá e humilde, e
Boán de casa adiñeirada e pagán. Boán ten que recurrir ós servicios dunha feiticeira, quen lle prepara unha pócima para Marta, ésta, toma o bebedizo, pero tolea e remata precipitándose pola peneda. Boán , en plena desesperación, ó coñecer o triste fin da súa amada, tamén se precipita dende a devandita rocha. A tradición comenta que nos días de vento, se escoita o xemido queixoso de Boán enriba da pena dos Namorados. Esta rocha tamén inspirou ó poeta
Manuel María, que no seu
" Cantigueiro do
Orcellón " lle adica un poema:
CANCIÓN DA PENA DOS NAMORADOS
Vello Mesego pagano:
ti gardas a tradición
de dificar o humano
e humanizar a paixón.
Hai un escuro misterio,
unha fé ben verdadeira:
¡ Na Pena dos Namorados,
na Pena Namoradeira...!
A Pena dos Namorados:
¡ un penedo moi ergueito
e os desexos alampados
que nos abrasan o peito !
A Pena dos Namorados
é cantería moi forte:
¡ está dicindo que o amor
remata vencendo a morte ! .
Ningún comentario:
Publicar un comentario