" Chegou xa o maio
cantando ós amores,
namorando ás nenas,
vestido de flores "
( cantiga popular de A Ponte Vella - Ourense )
" No tambor da lúa
redoblan os anxos.
anuncian gozosos
que chegou Don Maio ".
En palabras de Clodio González Pérez, un dos mellores antropólogos e investigadores de Galicia no seu estudo " O Ciclo dos Maios ", este é un tempo comprendido entre mediados de abril e mediados de maio, aínda que moitos autores o levan ata o 24 de xuño -festividade de San Xoán coas típicas " cachelas ou cachadas de lume " da Galicia mariñeira.
Trátase en definitiva , de ritos moi antigos , de oríxe moi diversa, nos que se intenta propiciar unha abondosa colleita e festexar o comezo do bo tempo.As súas manifestacións populares son : AGRARIAS : feitas na súa maioría por persoas maiores, aínda que tamén poden participar nenos. Un exemplo sería a procesión do 15 de maio á capela do coto de San Trocado en Barbantes, na que participan catro parroquias, aínda que é normal que veña xente de todo o Ribeiro. Esta tradición recollida por Chamoso Lamas e Florentino L. Cuevillas , ao parecer afunde as súas raices en antigos ritos prerromanos e está relacionada coa fertilidade dos campos circundantes, e alonxar dos perigos aos animais domésticos
.
FESTIVAS E LÚDICAS. Propias dos nenos e os máis novos. O seu propósito é celebrar a chegada do bo tempo, así como a floración e fructificación do mundo vexetal.
Nos tempos actuais, os maios, son a derradeira manifestación folclórica en Galicia que festexa o remate do inverno. En xeral, constrúense figuras con elementos naturais ( musgo, flores, laranxas , ovos, etc.. ), cantando arredor delas coplas e cancións irónicas. Nos maios de Ourense , predominan as figuras cónicas e piramidais, feitas de tramas de carrizos, recubertas de plantas, ovos e laranxas.
" Levántate Maio
que tanto dormiches,
xa pasou o inverno
e non o sentiches ".
( cantiga popular de Viana do Bolo )
" Santo que estás no cainzo
tira as castañas abaixo.
Tira as máis grandiñas
que ás pequenas non me baixo ".
( cantiga popular de As Nogais - Lugo - )



Ningún comentario:
Publicar un comentario