" O Descarrilamento do Tren "
A nova estendeuse por Rapariz coma auga por un regueiro. " ¡Descarrilou o tren!.¡Desacarrilou o tren! ", contoulle á miña nai unha veciña que baixaba con presa pola beiravía de lousas dispostas para esnafrarse. Lembro que eu e máis algún neno do barrio, xa mozotes, fomos correndo á estación polo carreiro parello ao muro que separaba da ferrovía e morría nun túnel de paso que enfiaba coa avenida de terrazos e os tileiros. Había moito rebumbio cando chegamos, pero a escena era propia dunha daquelas películas en branco e negro que viamos na televisión da señora Maruja. Metros antes do edificio central, chegando desde Ourense, a locomotora ficaba pousada cara ao seu costado dereito con dous ou tres vagóns fóra do seu carril, un envorcado. Era un convoi de mercadorías.
Había moito curioso por alí, e tamén a Garda Civil, pero non recordo ver feridos, pois se o maquinista e máis o axudante se mancaran, seguro que xa os levaran a algún médico da vila, xa que daquela outra alternativa non había se non era grave. Pero estaba a suceder cousa insólita. Como se fose raqueiros do XIX na Costa da Morte, a xente levaba galletas e garrafóns de viño. O das galletas ben me acordo, pero non sei se eran galletas María ou dos que chamaban churruscos, e algún coido que ata empregou carretillas. O do viño téñoo máis difuso. Quizais eran garrafóns, pero outros aseguráronme que o vagón era dos cisterna. Aposto máis polos garrafóns, e ademáis de Castela. Se gardo pegada daquel accidente quizais foi por descubrir que aqueles vagóns pechados dos que nunca sabiamos da súa carga, de súpeto asomaban as súas suculentas tripas...
Miguel Anxo Fernández : " O Chucuchú de Rapariz ". Fragmento da antoloxía : " O Libro dos Trens . Edit. Galaxia, 2019
" Carrusel ".
[ .. cando eramos pequenas, gustábanlle os crebacabezas. A min non, pero despois resultou que algo na miña propia cabeza deixou de funcionar como debería e rompeu o meu mundo en centos de achas de madeira que nunca souben axuntar ben, porque non aprendín a facelo cando me tocaba. Eu admirei sempre a capacidade que esixe o xogo, a constancia de non caludicar, a infinita paciencia e a elaboración dun método propio que se altera e se reformula, calmadamente, a medida uqe avanza o proceso. Esas eran as cousas que ela sabía facer: se eu era quen de improvisar remendos impensables non máis irregular dos rachóns, descubríame, en cambio, incapaz de recoller fragmentos que cimentasen de novo os edificios derruídos.. ]
Berta Dávila. Fragmento de:
" Carrusel ". Edit. Galaxia, 2019
Amor de Artur.
Rei Artur soupera, pola boca mesturada de Galván, que Guenebra lle era infidel con Lanzarote.
Polo paseo dos grandes fieitos, beirado de dalias, avanzaba senlleiro o monarca de corazón mancado. Toda a dor do mundo trabáballe nas gorxas coa fereza do lince. Ao final do parque, con aceno torvo, a torre sombriza da Dorosa Garda erguía os seus adarves contra un ceo de chumbo no que xiraba un exército de pequenos diabos ou víncaros chilrantes. Nobre o rostro descomposto, globos de marrón e azur baixo da ollada, Rei Artur chorou con bagullas de fogo e o xemer encañecíalle de cuspe os bigodes e a barba. ¡Guenebra, Lanzarote! Ela fora a benamada, a única, a gavota do mencer chuvento, a pel cegadora de neve ardorosa, a seguranza pétrea dos estados, o azafrán dos xantares de cirimonia, cendal de Persia na fronte queimada dos estíos..].
X.L. Méndez Ferrín. " Amor de Artur " ( fragmento ). Edic. Xerais.
Bocarribeira.
"¡Achega lume ó Paraño!"
- fala ó Avión a Martiñá-
" que pa bica do poente
hai de acender de mañá".
🔅🔅🔅
Raia o día, ven a noite,
chega e vaise o panadeiro...
Ca fariña dos vivires
o sol coce no rueiro.
🔅🔅🔅
Nos Chaos de Amoeiro
-vento, pan. area-
triste psaxeiro
deixa a sombra negra
que o vento abanea.
🔅🔅🔅
Ramón Otero Pedrayo. " Bocarribeira. Poemas para ler e queimar ". Edit. Galaxia, 2005