Unha
pequena homenaxe
De
alguna forma misteriosa y espontánea, el
amor
por los libros forjó una cadena invisible de
gente—
hombres y mujeres— que, sin
conocerse,
ha salvado el tesoro de los mejores
relatos,
sueños y pensamientos a lo largo del
tiempo.
(…) El relato de una fabulosa aventura
colectiva,
la pasión callada de tantos seres
humanos
unidos por esta misteriosa lealtad. (…)
Gente
común cuyos nombres en muchos casos
no
registra la historia. !!
Irene
Vallejo, El
infinito en un junco
Ás veces o destino decide por nós e estas decisións lonxe de resultar desafortunadas acaban construíndo edificios fortes e saudables, referentes inesquecibles para moitas persoas. Este é o caso da nosa bibliotecaria, Carmen Varona, a quen os fíos do destino colocaron á fronte da biblioteca do IES Nº1 hai xa moitos anos e quen hoxe abraza unha nova etapa na súa vida, unha merecida e ansiada xubilación que estamos seguros de que desfrutará intensamente.
O seu labor permanente conseguiu ir abrindo portas e ventás a novos horizontes, a soños grandes e cativos, a aventuras inesperadas, a historias ilusionantes e personaxes de todo tipo que foron empapando a imaxinación de moitos nenos e nenas do IES Nº1 ao longo de todos estes anos. A súa adicación discreta pero constante, os seus consellos sobre libros, o acollemento de doazóns, e a súa sempre atinada selección editorial, foron construíndo ao longo deste tempo a marabillosa biblioteca que hoxe posuímos e desfrutamos, con arredor de 18.000 volumes sobre as máis variadas materias. Un moi valioso patrimonio do que o IES Nº1 se sente moi orgulloso.
Carmen é un destacado elo desa cadea invisible da que fala Irene Vallejo. Contribuíu a perpetuar no tempo ese legado de tantos escritores, a difundilo entre a xente máis nova, a dar a coñecer os novos talentos, a seleccionar libros especiais e exquisitos que forneceron o caudal literario e ensaístico da nosa biblioteca. Con mimo, con esmero, con delicadeza, cun traballo calado porén eficaz e decisivo.
Pero o seu labor máis valioso foi o de sementar o hábito da lectura en centos de rapaces que pasaron polas súas mans, ilusionados cos proxectos que Carmen lles ofrecía, colaborando nas múltiples actividades que tiñan como eixe a biblioteca, lendo poemas, debuxando ou escoitando aos autores que, en colaboración con outros departamentos, enchían a biblioteca de historias e contos apaixonantes. Cando o hábito da lectura enraiza a idades temperás consérvase firmemente arraigado ao longo da vida e moitos destes rapaces e rapazas terán sempre unha débeda con Carmen.
Nestes tempos de redes sociais os libros seguen a ser máis imprescindibles ca nunca, para non perder o rumbo de quen somos, de quen queremos ser, de como queremos vivir e a onde nos diriximos. E nesta tarefa de atoparnos a nós mesmos sempre necesitamos alguén que nos guíe e nos indique posibles rutas e vieiros, xente común, cuxos nomes en moitas ocasións non rexistra a historia pero que son os verdadeiramente imprescindibles.