martes, 20 de marzo de 2012

XABIER P. DOCAMPO NA BIBLIOTECA


    Hoxe visitou a biblioteca o escritor Xabier P. Docampo, autor de obras tan coñecidas como: "Cando petan na porta pola noite", "O pazo baleiro" ou "O misterio das badaladas".

    A charla-coloquio celebrouse na biblioteca para todos os grupos de 1º de E.S.O. Xabier P. Docampo falou da importancia "vital" de contar historias e da dimensión da literatura e da lectura como técnicas funda-mentais para coñecernos a nos mesmo e ser máis "sabios" (que non mellores en palabras do autor).

    Ó remate, estableceuse un coloquio e o autor asinou e adicou exemplares do seu libro: "O misterio das badaladas", que xa fora lido polos asistentes á charla. Tamén asinou algúns exemplares para a biblioteca, o que dende aquí lle agradecemos.   












   

martes, 13 de marzo de 2012

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ : " O SABRE DO FRANCÉS "

    Sempre foi un privilexio  e un pracer para este Clube de Lectura recibir os diferentes autores que nos foron visitando. No caso de Miguel Anxo Fernández, o pracer foi dobre por tratarse , ademais, de alguén moi achegado a nós, un veciño do Carballiño ao que coñecemos, tratamos e aprezamos ( mesmo se dá a circunstancia de que o seu fillo foi alumno deste centro ).

    Miguel Anxo é un carballiñés que exerce como tal: nunca deixou de vivir na súa terra, a cal adoita estar moi presente ao longo da súa obra.

    É o caso do libro que nos ocupa e de cuxa lectura gozamos recentemente: " O Sabre do Francés ". Nel, a través dunha linguaxe rica, precisa e moi coidada, vánsenos debullando unha serie de relatos relacionados todos eles coa Guerra de Independencia na comarca do Ribeiro.

    Cada un destes relatos é unha pequena " alfaia " que describe episodios da guerra desde distintas perspectivas utilizando diferentes rexistros e estilos de narrar. Desde a triste peripecia do rapaz anónimo que morre tocando a gaita mentres acompaña e anima aos seus, ata o histórico enfrontamento entre dous dos oficiais máis célebres da loita,pasando polas historias protagonizadas polos propios do lugar e o seu decisivo papel na guerra contra o francés. Non podemos deixar de citar o relato que inspira o título do libro: " Son  un aceiro ", no que o propio sabre toma a palabra e narra en primeira persoa os sucesivos cambios de dono e conseguintes avatares ao longo de case cen anos.

    Cada historia require un tratamento e estilo diferentes que Miguel Anxo lle outorga cambiando de técnica e rexistro narrativos segundo se adapten mellor a cada contido. Desde a narración truculenta  ao Edgar Allan Poe de " A carne de caza " e, en certo modo, " A viña da rectoral ", ata a emotividade de " Cen moedas de ouro " ou " O baúl dos adeus "; cabería , mesmo, falar de thriller psicolóxico no inquedante : " Foi un afeitado histórico ". Por suposto, tamén está presente, en moitas historias, a narración viva e enérxica propia dos relatos bélicos, así como a descrición precisa de paisaxes, uniformes, personaxes e escenarios, Mencionar, por último, os diferentes puntos de vista narrativos que van do narrador omnisciente á primeira persoa autobiográfica.

    Pola nosa parte, agradecemos a Miguel Anxo Fernández a súa presenza na nosa reunión do Clube de lectura, na que gozamos enormemente. Ademáis de comentar os diversos aspectos da obra, anécdotas, proceso de documentación, alusións ao cine ( non esquezamos a súa faceta de cinéfilo e experto na materia )... Miguel Anxo íanos ofrecendo unha amena presentación ilustrativa de todo isto.

    Agardamos poder contar de novo coa súa presenza e falar de cine, historia, literatura... ou o que cumpra, pois á personalidade poliédrica de Miguel Anxo acáelle ben a máxima de Terencio que di: " nada humano me é alleo "

                                                 
    
 Carmen  Hernández  Castejón. Profesora de Língua e Literatura Castelá                                            

  

UN PEQUENO EXEMPLO DE PROXECTO DOCUMENTAL : " O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER"

    Un grupo de alumnos-as de 2º de ESO, elaboraron na Biblioteca no mes de febreiro e primeiros días de marzo, un Proxecto  Documental. O tema  que eleximos- en función das datas en que nos atopamos- foi o :  " Día Internacional da Muller ". O grupo formado por 19 alumnos-as, dividíuse en subgrupos de catro integrantes cada un.
    .- Previamente elaborei un guión con cinco temas básicos a tratar sobre as mulleres.
    .- Cada grupo elexiu un tema, co seu guión correspondente.
   .- Pasóuse logo a buscar nas fontes de información e en todo tipo de soporte, de tal xeito, que, alternativamente os grupos buscaron información en Internet e en distintos tipos de materiaís impresos.
    .- Na seguinte fase  houbo que discriminar a información en función do interese da mesma para o noso traballo.
    .- Unha vez feito o resúmo, buscáronse fotos na rede e fíxose unha escolla das que semellaban ser máis interesantes para o que queríamos contar.
    .- Para rematar, pegáronse as fotos en cartulinas con comentarios á marxe, froito dos resúmos feitos previamente.

    O traballo que resultou, quedou exposto na entrada do Centro, xunto cós dous vídeos dos que vos deixamos aquí unha copia.






ENDEREZO DESCOÑECIDO


As grandes traxedias universais cobran unha nova dimensión cando as individualizamos e as vemos de preto.
Ao aplicar a lente do microscopio para acercar o caso particular, a traxedia faise mais real, máis concreta, máis persoal e humana; e é entón cando nos facemos aínda maís conscientes do seu verdadeiro alcance.
"Enderezo descoñecido" é un golpe seco e directo ao máis profundo da nosa conciencia. Cunha economía absoluta de calquera elemento superfluo e sen contemplacións, ponnos fronte á traxedia persoal duns individuos que se ven abocados a ela como consecuencia do Holocausto nazi. A amizade, o amor, o compañeirismo, os bos sentimentos...vanse destruíndo e van deixando paso ao rancor, ao odio, ao racismo, ao desprezo, o resentimento e a vinganza. Todo en aras dunha ideoloxía detrutiva e xenófoba.
Ao mesmo tempo, a novela amósanos o proceso mediante o cal un individuo pode ir transformando e radicalizando o seu pensamento político ata se transformar il mesmo no máis íntimo: nos seus sentimentos.
A estrutura epistolar, ao se tratar de cartas persoais, contribúe a esa aproximación ao particular.
O máis duro é comprobar que o drama histórico é, sobor de todo, un drama individual, de persoas normais coma nos e que, a calaquera nos podería suceder algo semellante en calquera momento.
Non se pode dicir máis con menos e dicilo, ademáis dunha maneira tan sobria e intensa. Toda a novela é un aldabonazo duro e directo ao noso interior. O final...maxistral, sobrecolledor.
Creo non equivocarme demasiado se digo que, para todos os que formamos este clube de lectura, esta foi a obra máis impactante de todas as incluídas no presente curso.

xoves, 8 de marzo de 2012

DÍA DA MULLER TRABALLADORA






    Hoxe, 8 de marzo, conmemórase o "Día Internacional da Muller Traballadora". Nós queremos unirnos a esta celebración con dous traballos en formato dixital, realizados polo equipo da biblioteca e alumnos e alumnas de 2º de E.S.O.. O primeiro vídeo é un homenaxe ás mulleres traballadoras da comarca do Carballiño, en forma de crónica de un día de traballo dunha panaderia de Cea.

    O segundo traballo é unha presentación a xeito de álbum fotográfico, onde se fai unha historia resumida do periplo vital das mulleres dende a antigüedade ate o momento actual. É unha composición con fotos, música e comentarios, onde se recolle en cifras as condicións laborais e de traballo das mulleres no mundo.

  8 DE MARZO, DÍA DA MULLER TRABALLADORA