martes, 13 de marzo de 2012

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ : " O SABRE DO FRANCÉS "

    Sempre foi un privilexio  e un pracer para este Clube de Lectura recibir os diferentes autores que nos foron visitando. No caso de Miguel Anxo Fernández, o pracer foi dobre por tratarse , ademais, de alguén moi achegado a nós, un veciño do Carballiño ao que coñecemos, tratamos e aprezamos ( mesmo se dá a circunstancia de que o seu fillo foi alumno deste centro ).

    Miguel Anxo é un carballiñés que exerce como tal: nunca deixou de vivir na súa terra, a cal adoita estar moi presente ao longo da súa obra.

    É o caso do libro que nos ocupa e de cuxa lectura gozamos recentemente: " O Sabre do Francés ". Nel, a través dunha linguaxe rica, precisa e moi coidada, vánsenos debullando unha serie de relatos relacionados todos eles coa Guerra de Independencia na comarca do Ribeiro.

    Cada un destes relatos é unha pequena " alfaia " que describe episodios da guerra desde distintas perspectivas utilizando diferentes rexistros e estilos de narrar. Desde a triste peripecia do rapaz anónimo que morre tocando a gaita mentres acompaña e anima aos seus, ata o histórico enfrontamento entre dous dos oficiais máis célebres da loita,pasando polas historias protagonizadas polos propios do lugar e o seu decisivo papel na guerra contra o francés. Non podemos deixar de citar o relato que inspira o título do libro: " Son  un aceiro ", no que o propio sabre toma a palabra e narra en primeira persoa os sucesivos cambios de dono e conseguintes avatares ao longo de case cen anos.

    Cada historia require un tratamento e estilo diferentes que Miguel Anxo lle outorga cambiando de técnica e rexistro narrativos segundo se adapten mellor a cada contido. Desde a narración truculenta  ao Edgar Allan Poe de " A carne de caza " e, en certo modo, " A viña da rectoral ", ata a emotividade de " Cen moedas de ouro " ou " O baúl dos adeus "; cabería , mesmo, falar de thriller psicolóxico no inquedante : " Foi un afeitado histórico ". Por suposto, tamén está presente, en moitas historias, a narración viva e enérxica propia dos relatos bélicos, así como a descrición precisa de paisaxes, uniformes, personaxes e escenarios, Mencionar, por último, os diferentes puntos de vista narrativos que van do narrador omnisciente á primeira persoa autobiográfica.

    Pola nosa parte, agradecemos a Miguel Anxo Fernández a súa presenza na nosa reunión do Clube de lectura, na que gozamos enormemente. Ademáis de comentar os diversos aspectos da obra, anécdotas, proceso de documentación, alusións ao cine ( non esquezamos a súa faceta de cinéfilo e experto na materia )... Miguel Anxo íanos ofrecendo unha amena presentación ilustrativa de todo isto.

    Agardamos poder contar de novo coa súa presenza e falar de cine, historia, literatura... ou o que cumpra, pois á personalidade poliédrica de Miguel Anxo acáelle ben a máxima de Terencio que di: " nada humano me é alleo "

                                                 
    
 Carmen  Hernández  Castejón. Profesora de Língua e Literatura Castelá                                            

  

No hay comentarios:

Publicar un comentario