mércores, 19 de febreiro de 2014

PREPARANDO O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

O día  oito  de marzo, como todos os anos, temos unha cita ( é unha obriga ) de lembrar as mulleres en xeral, que aínda en pleno século XXI seguen sen conquerir a plena  igualdade de oportunidades, tamén aquí , no chamado " primeiro mundo ", onde unha boa parte das mulleres seguen tendo moitos atrancos á hora de conciliar a vida laboral e a familia, maior dificultade para acceder ao mercado laboral, onde , moitas veces, reciben menor salario por facer o mesmo traballo que un home, e mesmo un acceso moito máis restrinxido para acceder a postos directivos. Pero a desgraza é que en moitísimas partes do mundo, a muller segue a vivir nunhas condicións de pobreza extrema: a falla de oportunidades para o seu desenvolvemento como ser humano é total..Sobre algunhas destas cuestións, 
estamos traballando estes días con alumnos-as de 1º e 2º de ESO. Como xa fixemos outros anos, faranse pequenos traballos de documentación : sobre a historia das mulleres, algunhas biografías, mulleres en cifras, como recolle o cine a problemática feminina, as mulleres científicas e tamén un pequeno homenaxe ás mulleres traballadoras da comarca do Carballiño. Con todo isto, faremos uns paneis , que se colocarán  por todo o centro.Un alumno de 1º de ESO fará tamén un cómic alusivo e se visionarán tres vídeos feitos polos alumnos que integran  O Equipo da Biblioteca.

martes, 18 de febreiro de 2014

A LENDA DE AVENTURA, entrevista ao autor.

     Manuel Vázquez Augusto (4º ESO) ven de rematar a súa primeira novela: "A lenda de Aventura I, o báculo de Lum", e por este motivo lle facemos unha entrevista.
  • Que tipo de novela é?
           -Pertence ao xénero de fantasía (pura e dura).
  • Podes adiantarnos de que vai a túa novela?
           -O protagonista (Michael) é un rapaz normal, que leva unha vida sinxela e, de súpeto, un día ao chegar á casa descobre que está máis vencellado a Aventura do que el pensaba, e que a súa vida non é tan simple e sinxela. Verase introducido nun mundo que desafía todo o que el coñece ou cría coñecer. E non descubro máis, porque agardo que moita xente (entre eles meus compañeiros do centro) cheguen a ler a novela, se ma publican.
  • Cal é a xénese desta novela?
            -Saíu un pouco por azar e sen pensalo moito: comecei a finais do verán de hai dous anos, porque nese momento foi cando descubrín o mundo da literatura fantástica. Como dixo Ruíz Zafón no seu primeiro libro: "Escribín un libro que a min me gustaría haber lido cando tiña 13 ou 14 anos". Eu non tiña un guión, e a historia foi saíndo a medida que a ía escribindo.
  • A túa novela vai dirixida a un tipo de lector/a específico/a?
             -Fundamentalmente, a xente nova e con imaxinación.
  • Como gran lector que eres de literatura fantástica, por que cres que á xente nova lle gusta tanto este tipo de literatura?
             -Pode que, pola idade, fartámonos antes do mundo real, e para esquecer os problemas cotiáns, que mellor que "evadirse" a outros mundos!
  • A túa novela xa está rematada. Tes esperanza de vela algún día publicada?
             -Si, porque lina varias veces e non me aburriu e, de momento, todos os que a leron non me deron malas críticas, e eso anímame.

  • Pensas seguir escribindo? Haberá segunda parte da "lenda"?
              -Por suposto. De feito, xa estou empezando a escribir o segundo libro desta saga.





Moitas gracias por responder a este cuestionario, e moita sorte!  


luns, 17 de febreiro de 2014

                    A R U M E    X O G A L 

COMENZA  O  XOGO.

PARA  OS  QUE  LLES  GUSTAN  OS  RETOS

E  LLES  INTERESA ..

A  HISTORIA, XEOGRAFÍA ,  ARTE  

E  LÍNGUA  DE  GALICIA.



Así dicía a convocatoria para participar no concurso de: " Arume Xogal " , tamén coñecido como o " Trivial Galego ". Os alumnos e alumnas de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato responderon moi ben, de tal xeito que temos 32 participantes que xogarán por equipos unha vez á semana. Seguiremos informando do desenvolvemento do xogo.