viernes, 27 de junio de 2014

LECTURAS PARA O VERÁN

Xa está aquí o verán , case unha palabra máxica. Como todos os finais de curso, dende a Biblioteca do IES,  vos propoñemos algunhas lecturas que, evidentemente non son exclusivas do verán, pero parece que na estación estival hai un pouco máis de tempo para ler de vagar e sen prisas:

"  A  ILLA  DE  TODAS  AS  ILLAS ". Xabier P. Docampo.
A aventura de tres rapaces nunha illa deserta, que non ten nome, aínda que os mariñeiros lle chaman Navalleira, porque hai nela moitas navallas. Agora solo fican a brétema e as lendas que lembran voces de xentes que falaban en todas as línguas do mundo.

O autor, Xabier P. Docampo, tenta con esta obra , render tributo a todos aqueles fermosos libros de aventuras cuxas historias sucedían nalgunha  illa deserta e que están na mente de moitos lectores-as.



                                                                     
           OS  SANTOS  NUNCA  DORMEN. De Teresa González Costa.
Un psiquiatra publica un diario deixado por un dos seus pacientes que é restaurador de reliquias. Persoeiro moi sensible, capaz de sentir e ver cousas que polo xeral permanecen invisibles para os demais.

Nesta novela se actualizan mitos e lendas  de noso: un mundo máxico cargado de simbolismo , onde se reflexiona sobre o que é distinto e diferente.






" DONDE  ESTÉ  MI  CORAZÓN ". De Jordi Sierra i Fabra.
Montse é unha rapaza de dezaseis anos que acaba de volver á vida despois dunha grave operación na que lle foi transplantado un corazón.

de todos os xeitos, aínda que está moi leda, non sabe a quen lle debe a vida, e volver á normalidade non é doado.

Conta coa axuda  da súa amiga Carolina e, por unha serie de causalidades coñece a Serxio..  


                                                                                                      
"  AS  VECES  QUERO  MORRER  COA  RISA   "

De Nina Sthal e Birgit Schlieper.

O protagonista da historia non entende porque ten que morrer tan novo, con todo o que lle queda por vivir: o primeiro coche, as noivas, ir a concertos con amigos.. todo o que calquera adolescente devece por facer.
Síntese furioso porque todo semella inxusto, e ten que decidir onde pasar o tempo que lle queda: seguir no hospital ou marchar para a casa cos seus pais..mais coñece a Helene, unha rapaza que aínda está máis enferma ca el.


" HORARIO  DE  CLASE ". De Christine Nöstingler.
Unha novela que amosa sen melindres nin frorituras a vida cotiá dun grupo de adolescentes estudantes nun  instituto: na casa, na escola e cos cartos.
Pero tamén cos seus amigos, nas relacións, no amor.
                                                                                   Un castigo colectivo provoca a convocatoria dunha folga no centro: vai ser unha boa ocasión para saber de verdade quen é quen.



" O  GALEÓN  DAS  ILLAS  CÍES " .De Josep Lorman.

Un libro para os que gustan das aventuras,  ambientado na ría de Vigo : un barco tripulado por un equipo de arqueólogos e submarinistas, zarpa dende Barcelona cara á cidade olívica coa misión de recuperar os tesouros do " Santo Cristo de Maracaibo ", un galeón español afundido por ingleses e holandeses en 1702 fronte as illas.
Pero os problemas non van tardar en aparecer.




"  O  ESPIDO  DE  GINA  ".

Miguel Anxo Fernández.

A chegada ó cine " Central " de Valdesantos da película : " Espida  fronte ao mundo " protagonizada pola actriz italiana Gina Lollobrígida, lle serve a Miguel Anxo Fernández, para ofrecer o retrato dunha época- principio doas anos sesenta nunha pequena vila galega ( Valdesantos ), na que un xeito de fuxir da intolerancia e o conformismo eran as películas do " Central " e a T.V en branco e negro do " Café Moderno ".

" LAS  VENTAJAS  DE  SER  UN  MARGINADO ".

Stephen  Chbosky.

Charlie ten 15 anos e queda só tras o suicidio de seu mellor amigo. O seu profesor de língua está convencido de que Charlie posúe unha gran capacidade intelectual.
Tras coñecer a Sam e Patrick, empeza a comprender o que é ser un adolescente, principiando unha viaxe cara a madurez. Con eles descobre a música, a bebida, as drogas, etc..


" ESCRITO  EN  CAFETERÍAS ". Miguel Anxo Murado.

Escritas en principio como columnas de prensa, pero concebidas dende a perspectiva do escritor máis que do xornalista. Paradoxos e reflexións sobre asuntos como a relación entre as epidemias e a solidariedade, os inconvintes da abolición do Purgatorio , un portavións fabricado cunha aliaxe de metal fundido nas torres xemelgas ou unha factoría de chalecos antibalas onde se dispara contra os traballadores para probar o xénero. Notas en definitiva arredor da actualidade e da vida.



" MELANCOLÍA  Nº  1  ".  Francesc  Miralles.

Con 17 anos e o " sambenito " do fracaso escolar enriba, Toni sente que todo está predeterminado: traballar na granxa dos seus pais e envellecer no pobo que o viu nacer. Cando a oportunidade de entrar nun equipo profesional de futbol chama a súa porta, racha con todo e abandona ós seus.
                                                                  Esta novela reflexiona sobre a trampa do soño da fama e o éxito rápido, así como a saudade pola perda das cousas que realmente importan e, ás veces semellas invisibles..

" EL  AMOR  EN  LOS  TIEMPOS  DEL  CÓLERA ".

Gabriel  García  Márquez.

No ano do seu pasamento, non podía faltar algunha das obras de García Márquez. Ben é certo que todas e cada unha das obras do maxistral escritor son de por sí auténticas obras de arte. Nós  escollimos " El amor en los tiempos del cólera ", porque o propio autor ten declarado que era a súa obra máis completa: unha especie de " folletín " máxico e sublime.




" CASA  DE  BONECAS ".  Henrik  Ibsen.

Todo un clásico da literatura norueguesa. Ibsen está considerado un dos principais impulsores do teatro moderno, sendo esta a súa obra máis emblemática. Conta a historia de Nora " felizmente " casada cun avogado e nai de tres fillos que, por unha serie de circunstancias adversas, vai decobrindo pouco a pouco a independencia persoal e a propia  capacidade para gobernar a súa vida. Esta obra supuxo unha auténtica revolución para a sociedade do seu tempo.

" NOVELA  DE  XADREZ ". Stefan  Zweig.

Unha partida de xadrez que reúne a varios pasaxeiros dun barco que navega rumbo a Bos Aires : a historia de dous homes antagónicos ( Zentovic, campión mundial de xadrez e o Dr. B, enigmático home que a Gestapo fai prisioneiro cando Hitler invade Austria). Dúas existencias opostas, dous mundos encontrados: un universo dualista que o escritor Stefan Zweig narra de xeito maxistral neste clásico da literatura austríaca.




" EU  SERVÍN  AO  REI  DE  INGLATERRA "

Bohumil  Hrabal.

Co relato en primeira persoa dun aprendiz de camareiro no hotel " Praga Dourada " como fío conductor, Bohumil Hrabal preséntanos a historia de Checoslovaquia dende os anos anteriores á ocupación nazi ata a ocupación soviética e o comunismo, amosando o impacto que todos estes acontecementos tiveron nunha persoa que os viviu na súa propia pel.

" UNA  PEQUEÑA  HISTORIA  DE  LA  CIENCIA ".

William Bynum.

Unha explocación sinxela da Hª da Ciencia, dende as primeiras civilizacións que ollaban as estrelas, aos modernos telescopios que exploran o máis profundo do universo.
O autor explica dun xeito sinxelo e sen esforzo aparente, os decobrimentos que ao longo da hª da humanidade teñen transformado o mundo, descobríndonos tamén a vida e as paixóns das persoas increibles que fixeron que todo isto ocorrira.


"  CURIOSIDADES  CIENTÍFICAS ".  Juan  Lois  Mosquera.

Este libro é unha recompilación dos artigos sobre distintos aspectos da ciencia que o enxeñeiro carballiñés Juan Lois Mosquera utilizou nun programa radiofónico que mantivo durante cinco anos unha emisora de radio local do Carballiño.
En máis de 170 apartados, Juan Lois, nos ilustra dun xeito moi ameno e asequible sobre: o teorema de Pitágoras, Newton e a gravidade , cálculo diferencial, mecánica cuántica, as redes neuronais ou a teoría do caos e o cerebro.

"  YO  MONO ". Pablo  Herreros  Ubalde.

Nosos comportamentos a partires da observación dos primates.
Recollendo o espírito de Darwin, Pablo Herreros revisita a historia dos seres humáns. Baseándose nos derradeiros achádegos científicos, este libro é un apaixoante percorrido pola evolución dos primates que, dun xeito moi semellante ao noso teñen emocións, vicios, sofrimentos, vinganzas, enganan, ou se disputan o poder.. e dicir, os animais son moi humáns e os humáns  non deixamos de ser animais.
                 

No hay comentarios:

Publicar un comentario