lunes, 15 de junio de 2015

NO ANO DA LUZ FALAMOS DE ESCURIDADE E APOCALIPSE

Portada da Revista Portátil. Xuño 2015
A piques de rematar o curso, publícase no IES a 31 edición  da revista  Portátil  adicada  ó  Ano Internacional da  Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz, celebrando deste xeito as investigacións de científicos como Fresnel, Maxwell ou  Einstein. Polas mesmas datas en que a ciencia puña luz e progreso tecnolóxico a moitos ámbitos da vida cotiá, un escritor inglés de orixe polaca- Joseph Conrad- sorprendía ó mundo cunha novela relativamente curta :  " O Corazón da Escuridade "  ( 1902 ) : a escuridade contraposta á luz.
 
Evidentemente a " escuridade " do relato é a que asola e dasacouga o ser máis profundo dos humanos e, por tanto, máis insondable, de tal xeito, que habita nun lugar que non admite ningún tipo de iluminación e tampouco ningunha explicación racional.
 
Joseph Conrad
A orixe deste relato ten que ver coa vida do propio escritor que durante  seis meses foi contratado por unha compañía belga adicada á comercialización de marfil dende as costas africanas. Conrad traballou  como capitán dun navío que surcaba  as augas do río Congo, quedando fondamente impactado pola brutalidade con que estas compañías europeas ( belgas, inglesas ou francesas ) actuaban en África, propiciando así a matanza e exterminio de milleiros de seres humanos. A novela ten certos tintes autobiográficos, encarnados sobre todo no persoeiro de Marlowe, narrador da historia .
 
Pero non hai dúbida de que a personaxe central do relato é o señor Kurtz: aínda que aparece ao final da mesma , toda a narración está tinguida pola súa búsqueda e as constantes referencias que se fan del: xefe dunha explotación de marfil no corazón da selva e a quen se considera un home de calidades extraordinarias.
 
A Marlowe se lle encomenda ir na súa precura, propiciando así unha especie de viaxe iniciática  onde será testemuña de brutais e salvaxes accións cometidas en nome da  " civilización ". Cando chega ó encontro con  Kurtz, Marlowe é un home profundamente decepcionado, roto por dentro, por todos os abusos que vira cometer, comprobando con estupor como Kurtz tamén vén de protagonizar o seu propio descenso ós infernos: o seu  aillamento no cerne da selva, remata por transformalo nun ser brutal e despótico que mesmo consente  en ser adorado polos nativos como si dun deus se tratase.
 
Apocalypse  Now
No ano 1979, un cineasta italo-americano: Francis Ford Coppola, partindo do relato de Conrad , retoma de novo o tema da deriva e o embrutecemento moral ao que pode chegar un ser humano. Xorde así un dos grandes films de toda a historia cinematográfica :  Apocalypse  Now . A acción transcorre na guerra do Vietnam : tamén na película  o  capitán Willard ( Martin Sheen ) recibe a orde de internarse na xungla para matar ao coronel Kurtz , un laureado militar que remata volvéndose tolo , creando unha especie de reino independente e incontrolable , facéndose tamén adorar polos nativos. Curiosamente , a personaxe do coronel Kurtz, maxistralmente interpretado por Marlon Brando, recibe o mesmo nome que no relato de Conrad.

Sexa a  escuridade da colonización europea do continente africano no século XIX ou a apocalipse  da guerra do Vietnam da segunda metade do século XX ambos os dous relatos constitúen unha crónica moi realista dos complexos procesos mentais e morais que se producen nas personas sometidas a condicións extremas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario