" He aquí mi secreto,
que no puede ser más
simple: sólo con el
corazón se puede ver
bien; lo esencial es
invisible a los ojos. "
" El Principito ". A. de Saint-Exupéry.
" Yo me figuraba el paraiso bajo la especie de una biblioteca. Basta con que un libro sea posible,
para que exista en algún lugar de la inmensa Biblioteca ".
Jorge Luís Borges.
Hoxe 24 de outubre , celébrase o " Día Internacional das Bibliotecas " . Este ano, curiosamente , a data coincide coa miña xubilación e o meu cumpreanos.. Cousas e sorpresas da vida !! .
Nesta última entrada que fago no blogue gustaríame facer un pouco de " historia " da Biblioteca do IES Nº 1 que no 2022 cumprirá 45 anos de existencia. Teño que salientar que os máis de 18000 exemplares que se levan rexistrado son o resultado do traballo e o esforzo colectivo de toda a comunidade educativa: de moitos compañeiros e compañeiras que se foron, pero tamén dos que están e continuarán con este proxecto magnífico ( sempre ) e gratificante ( case sempre ).
Penso que as bibliotecas nunca foron nin serán só almacéns de libros : son microcosmos, espazos únicos e abertos de encontro onde se pode ler o mundo. A través deles, os rapaces e rapazas teñen unha oportunidade única de informarse, formarse e tamén emocionarse.. que non é pouco. Son proxectos ilusionantes e permanentemente inacabados. Do mesmo xeito que os libros, as persoas que formaron parte deste proxecto vanse, pero veñen outras: con ilusións, con novas propostas, coa idea de seguir tecendo eses fíos invisibles pero tan necesarios para que os rapaces e rapazas se " enganchen " á lectura
Eu agradézolle ás miñas compañeiras do Equipo de Biblioteca as fermosas palabras que me dedicaron na seguinte entrada do blogue , pero- se elas mo permiten - todo isto é o resultado dun esforzo e traballo de moitas persoas : as mans que limpan con xeito libros e andeis, tamén as que cargan cos libros que van camiño do reciclaxe ou ó " ex-purgatorio " ese limbo onde quedan os libros que non nos atrevemos a desbotar definitivamente. Grazas e un recoñecemento tamén para todos os equipos directivos pasados e presente por amosar sempre apoio e sensiblidade cara a biblioteca , e a todas as miñas compañeiras e compañeiros docentes que tanto se implicaron e se implican nas distintas tarefas de animación á lectura, a través de todo tipo de traballos extra : catalogación, actividades, clubs de lectura, suxestións, doazóns e renovación de fondos e, por suposto " obrigando " cariñosamente ao alumnado a acudir á biblioteca para ler o mundo, para ser mellores e para non estar sós. Todas estas cousas que se fan dun xeito anónimo, calado ,con esforzo e desinteresadamente por amor á docencia e ao alumnado.
Sei que a Biblioteca queda en mans entusiastas e con moitas ganas de facer que esta apaixonante aventura continue.
Moita Sorte !!.
Vémonos pronto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario