miércoles, 22 de mayo de 2013

NEIRA VILAS NO IES Nº 1

A mañá do martes  7  de maio  foi unha mañá especial no IES Nº 1 do Carballiño. Este día recibimos a visita dun dos máis afamados escritores da literatura galega contemporánea. Visitou o noso centro o escritor Xosé Neira Vilas. A súa chegada produciuse ás 11:30 e nada máis chegar asinou libros a alumnos e profesores ( dous para a Biblioteca ), saudando a todos os asistentes e lembrando as amizades que ten na vila do Arenteiro, froito de visitas anteriores.


O acto estivo organizado pola Asociación Cultural Avantar en colaboración co  IES Nº 1 . Estiveron acompañando ao escritor  Eduardo Bernárdez, representante da citada asociación, e representantes da asociación de libreiros da vila. A conferencia tivo lugar no Salón de Actos do centro e contou coa asistencia de numerosos alumnos que plantearon as súas cuestións ao escritor. Neira Vilas  lembrou ao homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, falou da literatura no exilio e das relacións que mantivo en Bos Aires e Cuba cos intelectuales galegos exiliados. Preguntado polos novos proxectos que tiña en marcha, o escritor falou dos dous libros que está escribindo: o primeiro trata sobre a figura de Francisco Fernández del Riego e o segundo recolle as súas vivencias durante a súa estancia en Cuba nun período de 30 anos. Á pregunta de cales eran os seus libros favoritos, o escritor recoñeceu que  Memorias dun neno labrego, a súa obra máis emblemática, era un deles xunto con outra obra súa, Querido Tomás . Rematou lembrándolles aos rapaces o importante que era a lectura e asinándolles exemplares das súas obras.
Ao final do acto tivemos a sensación de que o tempo pasado con el soubera a pouco.


Consuelo González Álvarez. Profesora do Departamento de Língua e Literatura Galega.  IES Nº 1

No hay comentarios:

Publicar un comentario