domingo, 26 de mayo de 2013

A LENDA DE AVENTURA


A lenda de
AVENTURA
Por: Manuel Vázquez Augusto, 3º ESO 
______________________________________________________________________

Sinopse

     Michael, un rapaz de trece anos, volve do instituto para pasar unhas tranquilas e alegres vacacións de Nadal coa súa familia, sen embargo un acontecemento fará que toda a súa vida de un xiro brusco e que se vexa inmerso nunha aventura que el nin se atrevera a imaxinar, co obxectivo de salvar un mundo, Aventura, para el descoñecido, e co que sen embargo ten máis relación da que pensa. El e máis dous personaxes (Santran, cabaleiro de Aventura, e Aureo, mago de Aventura residente na Terra, alcumado “o curandeiro”) intentaran deter os malvados plans de Anatármea, Princesa das Sombras, consistentes en liberar á súa raza e conseguir o control sobre Aventura.





    
     Comecei a escribir este libro en setembro, guiado polos primeiros libros de fantasía que me uniran ao xénero, e fun desenrolando a historia co paso do curso ata chegar ás 140 páxinas escritas. Aquí poño o primeiro capítulo deste libro sen rematar do que espero sacar algo en bo (aínda que sexa mínimo). Espero que vos guste e (no hipotético caso de que o publique) a lelo posteriormente cando estea rematado.





 Capítulo: 1
Lume

     A nosa historia comezo o día 21 de decembro do ano 20... en Santiago de Compostela, cando os rapaces volvían para as casas ao saír do instituto para comezar as vacacións de Nadal. Ímonos centrar nun rapaz en concreto chamado Michael, que vivía nunha granxa nas aforas da cidade. Era un rapaz de cabelo dourado e ollos marróns, con 13 anos recén cumpridos de idade, delgado e cunha estatura de metro 65. Non tiña amigos, xa que non era de xuntarse coa xente e era tranquilo e pacífico. Coma sempre ía coller o autobús e parar nas aforas da cidade onde se metería por un camiño que atravesa o bosque e que vai dar á súa casa. Baixou na última parada do autobús e colleu o camiño.

     Durante toda a semana unha néboa espesa cubrira o bosque reducindo a visibilidade a pouco máis da punta do nariz. Pero Michael xa sabía o camiño de memoria e non facía falta que tivera que mirar moi lonxe. Cando ía pola metade do camiño comezou a chover a cántaros e, por desgracia, Michael deixara o paraugas na casa. Entón, un calafrío percorreulle todo o corpo. Como siga así vou coller un catarro, pensou para si.

   Ao estar case na saída do bosque, notou unha luz morada que viña do final do camiño. Achegouse e, repentinamente, a néboa desapareceu deixando a vista o que pasaba: a casa de Michael estaba ardendo. Pero non dunha maneira normal. Da casa saían lapas moradas e, por moito que chovía, o lume seguía medrando. Michael quedou petrificado e mirou horrorizado como a súa casa era consumida por un lume morado. Cando volveu a realidade, veu unha silueta negra que estaba máis cerca do lume pero a unha distancia prudencial. Cando se dispoñía a chamar as emerxencias polo móbil, a silueta mirouno e dos seus ollos saíu un resplandor morado. A silueta correu ata Michael e este botou a correr pero, antes de que se dera de conta, a silueta xa se encontraba diante del. Michael intentou volver a correr e decatouse de que estaba paralizado e a silueta mirábao fixamente. Michael perdeu o sentido.

    
     Cando espertou non sabía nin canto tempo levaba durmido nin onde estaba. Abriu os ollos e o primeiro que veu foi unha cúpula de cristal enriba del. Levantouse á presa e buscou unha porta coa mirada pero non encontrou nada. Estaba nunha sala grande e baleira, có chan de pedra e unha cúpula que acababa nunha especie de antena cunha luz ao final. Confuso, púxose a dar golpes contra a cúpula de cristal. Uns minutos despois, escoitouse un ruído mecánico que viña do chan e unhas escaleiras apareceron no chan. Escoitáronse uns pasos e das escaleiras apareceu un home alto que non pasaría dos 30 anos e que ía vestido cunha roupa marrón que tiña un aire medieval e un debuxo na parte do tronco formado por un rombo granate cunha estrela de catro puntas amarela no centro unida aos vértices por catro triángulos marróns (un por punta).

     Levaba pantalóns tamén marróns pero máis escuros, calzaba unha botas de coiro e no lombo levaba unha capa branca co mesmo debuxo e debaixo desta colgaba unha vaíña baleira bastante grande que seguramente servía para levar unha espada.  Levaba un anel na man dereita de ouro cun cristal semiesférico marrón na punta. Tiña o pelo negro e liso que lle chegaba case a altura dos ombreiros.
     Achegouse a Michael cunha expresión indiferente e díxolle.
     _Sígueme.
     _A onde? Quen es ti? Onde estou? Como cheguei aquí? Por qué...?_dixo Michael alarmado
     _Silencio! Esas preguntas serán respondidas a súa hora!_ordenoulle o home.
     _Pero... _replicou Michael, pero non seguiu porque o home mandáralle unha mirada que lle puxo os pelos de punta.

     Metéronse nas escaleiras e estas baixaron soas 9 ou 10 pisos. Cando parou, unha comporta subiu dando a entrada a un largo corredor con decenas de portas aos lados e unha enorme ao final. Cruzaron o corredor ata a porta do final na que se escoitaba a xente discutindo. O home deu tres sonoros golpes na porta e as discusións pararon de golpe.
     _Pon esto._díxolle o home a Michael ofrecéndolle un colar cun prisma na punta.
     _Quen vai?_preguntou unha voz ronca do outro lado da porta.
     _Santran de Rocálea!

     Escoitouse un golpe forte e as portas abríronse soas deixando ver unha sala circular cun trono ao final onde estaba sentado un ancián vestido cunha túnica branca e amarela co mesmo debuxo que tiña o home que foi recoller a Michael pero dos cores da túnica e con outras letras nas que poñía algo así: “LUZ”.  O home portaba un cetro cun cristal transparente con forma prismática na punta e o bastón de ouro tallado cunhas figuras que Michael non distinguía desde tan lonxe. Aos lados do ancián había dúas mesas longas (unha a cada lado) perpendiculares a porta principal e con cinco asentos cada unha. A dereita estaban sentados 5 homes con roupas similares ás do ancián e a esquerda estaban sentados 4 homes con roupas similares as do tal Santran e un asento baleiro (seguramente o de Santran). O chan da sala era de mármore e no centro había un pentágono cunha estrela pitagórica dentro. Cada punta da estrela tiña unha cor: verde, vermella, azul claro, azul escuro, marrón e ,o centro, amarelo. Cada parte da estrela parecía estar feita de cristal xa que víase un pouco o que tiñan debaixo.
     _Así que este e o rapaz..._dixo o ancián con autoridade. Michael ía engadir algo, pero Santran púxolle a man diante para que calara.
     _Cando cheguei estaba diante dunha casa ardendo e alguén estáballe explorando a mente.
     _Pero ese non é motivo para traelo aquí!!_dixo o ancián case berrando.
     _Pero a casa estaba ardendo... mentres chovía a mares cuberta dun lume violeta.

     Cando dixo esto de todas as gargantas saíu unha exclamación de terror seguida por un silencio sepulcral.
     _Pero... iso non é posible_dixo un home cunha túnica vermella_ese tipo de lume solo o poden facer...

     De repente todos puxeron un xesto sombrío e durante uns segundos, ninguén dixo nada.
     _Temos que avisar ao Consello dos Deuses desto_dixo por fin o ancián_e de momento o rapaz vivirá aquí ata que lle encontremos solución.

     Santran asentiu e guiou a Michael fóra da sala. Cando saíron volveron as discusión pero, esta vez, máis forte. Michael seguiu a Santran ata as escaleiras, subiron 4 pisos e foron por varios corredores ata que Santran abriulle unha porta a Michael.
     _Esta vai ser a túa habitación durante un tempo_engadiu Santran_.Non podes saír dela a non ser que se cho permita.
     _Logo esto é un cárcere_protestou Michael.

     Michael só obtivo silencio como resposta. Enfadado, entrou na habitación. Era moito máis pequena ca sala onde aparecera, tiña unha cama individual, un armario, uns estantes con 2 libros, unha especie de pupitre, algunhas flores e unha ventá cerrada do tamaño dun maletín ao fondo. Deitouse na cama e mirou o reloxo que marcaba o mediodía, o cal lle pareceu raro xa que unha hora antes, cando estaba na sala da cúpula era de noite. Para non aburrirse púxose a mirar os libros dos estantes, pero logo descubriu que non lle ían valer de moito porque non se entendía nada do que poñía. No primeiro que colleu o título poñía “aveftura” en letras de ouro e tiña o mesmo signo que a sala onde Santran levara a Michael tiña no centro. Por dentro era da mesma maneira, todo símbolos e garabatos que Michael non entendía. Rendeuse, zapateou o libro para o chan, deitouse e deixou que pasase o tempo tratando de asimilar o que lle acababa de pasar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario