![]() |
| Portada da Revista Portátil. Xuño 2015 |
A piques de rematar o curso, publícase no IES a 31 edición da revista Portátil adicada ó Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz, celebrando deste xeito as investigacións de científicos como Fresnel, Maxwell ou Einstein. Polas mesmas datas en que a ciencia puña luz e progreso tecnolóxico a moitos ámbitos da vida cotiá, un escritor inglés de orixe polaca- Joseph Conrad- sorprendía ó mundo cunha novela relativamente curta : " O Corazón da Escuridade " ( 1902 ) : a escuridade contraposta á luz.
Evidentemente a " escuridade " do relato é a que asola e dasacouga o ser máis profundo dos humanos e, por tanto, máis insondable, de tal xeito, que habita nun lugar que non admite ningún tipo de iluminación e tampouco ningunha explicación racional.
![]() |
| Joseph Conrad |
A orixe deste relato ten que ver coa vida do propio escritor que durante seis meses foi contratado por unha compañía belga adicada á comercialización de marfil dende as costas africanas. Conrad traballou como capitán dun navío que surcaba as augas do río Congo, quedando fondamente impactado pola brutalidade con que estas compañías europeas ( belgas, inglesas ou francesas ) actuaban en África, propiciando así a matanza e exterminio de milleiros de seres humanos. A novela ten certos tintes autobiográficos, encarnados sobre todo no persoeiro de Marlowe, narrador da historia .
Pero non hai dúbida de que a personaxe central do relato é o señor Kurtz: aínda que aparece ao final da mesma , toda a narración está tinguida pola súa búsqueda e as constantes referencias que se fan del: xefe dunha explotación de marfil no corazón da selva e a quen se considera un home de calidades extraordinarias.
A Marlowe se lle encomenda ir na súa precura, propiciando así unha especie de viaxe iniciática onde será testemuña de brutais e salvaxes accións cometidas en nome da " civilización ". Cando chega ó encontro con Kurtz, Marlowe é un home profundamente decepcionado, roto por dentro, por todos os abusos que vira cometer, comprobando con estupor como Kurtz tamén vén de protagonizar o seu propio descenso ós infernos: o seu aillamento no cerne da selva, remata por transformalo nun ser brutal e despótico que mesmo consente en ser adorado polos nativos como si dun deus se tratase.
![]() |
| Apocalypse Now |
No ano 1979, un cineasta italo-americano: Francis Ford Coppola, partindo do relato de Conrad , retoma de novo o tema da deriva e o embrutecemento moral ao que pode chegar un ser humano. Xorde así un dos grandes films de toda a historia cinematográfica : Apocalypse Now . A acción transcorre na guerra do Vietnam : tamén na película o capitán Willard ( Martin Sheen ) recibe a orde de internarse na xungla para matar ao coronel Kurtz , un laureado militar que remata volvéndose tolo , creando unha especie de reino independente e incontrolable , facéndose tamén adorar polos nativos. Curiosamente , a personaxe do coronel Kurtz, maxistralmente interpretado por Marlon Brando, recibe o mesmo nome que no relato de Conrad.
Sexa a escuridade da colonización europea do continente africano no século XIX ou a apocalipse da guerra do Vietnam da segunda metade do século XX ambos os dous relatos constitúen unha crónica moi realista dos complexos procesos mentais e morais que se producen nas personas sometidas a condicións extremas.
Sexa a escuridade da colonización europea do continente africano no século XIX ou a apocalipse da guerra do Vietnam da segunda metade do século XX ambos os dous relatos constitúen unha crónica moi realista dos complexos procesos mentais e morais que se producen nas personas sometidas a condicións extremas.



Ningún comentario:
Publicar un comentario